A Construción do novo auditorio de Ribeira suscita a presentación de 36 propostas á primeira fase do concurso de ideas


A apertura dun concurso de ideas para a construción do novo Auditorio Municipal de Ribeira suscitou un altísimo interese entre o sector ata o punto de que foron 36 o número de propostas arquitectónicas presentadas na primeira fase desta actuación. O xurado do concurso comezou esta mañá a avaliar as propostas presentadas. De entre as 36 ideas seleccionaranse 3 e cada un dos seus responsables recibirá en concepto de prima unha cantidade de 9.000 euros máis IVE co obxecto de que prepare e presente un anteproxecto nun novo prazo de 30 días. De entre estas tres, o xurado escollerá a proposta gañadora, que será a que se execute sobre unha parcela de 1.372 metros cadrados anexa ao parque do Centenario. A tal efecto, a persoa ou entidade responsable da mesma farase cargo do proxecto básico/execución, ademais do estudo de seguridade e saúde, a dirección das obras e a coordinación de seguridade e saúde. O orzamento máximo por todos estes conceptos será de 217.800 euros.