A Xunta de Galicia promoverá de xeito inmediato a instalación de cámaras de vixilancia na Catedral de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, explicou hoxe aos medios de comunicación a necesidade de coordinar co resto de administracións un sistema de videovixilancia arredor da Catedral de Santiago, como elemento disuasorio “para que este tipo de atentados contra o patrimonio non se repitan”.

Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo manifestou “o máis profundo rexeitamento” ás novas pintadas que apareceron esta mañá na contorna do Templo compostelán e a praza do Obradoiro. Uns actos, en palabras do titular de Cultura, “que enturbian a imaxe de Galicia e son un atentado contra o patrimonio”.
Román Rodríguez subliñou o “o importantísimo esforzo colectivo” que se está a facer desde Galicia para ter en perfecto estado a Basílica para o Xacobeo 21 e explicou que “temos que evitar que este tipo de accións se convertan en norma e esteamos cada pouco tempo limpando o exterior da Catedral”, da que recordou é “o punto de destino de millóns de persoas” e “o ben cultural e emocional máis importante” da nosa comunidade.
O conselleiro rematou as súas declaracións lembrando que este tipo de actos teñen a cualificación de infracción grave e a lei de Patrimonio Cultural de Galicia prevé sancións económicas para os responsables que van dos 6.000 aos 150.000 euros, e chamou a atención sobre o excepcional dos feitos e o carácter “acolledor e respectuoso co Patrimonio Cultural” da inmensa maioría da cidadanía galega

more recommended stories