A Deputación convoca as subvencións para clubs deportivos en competicións de ámbito local, provincial e autonómico

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria da liña de subvencións destinadas a a clubs deportivos da provincia que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico durante o ano 2018.

A partida económica destinada a estas axudas ascende este ano a 655.000 euros e as subvencións a conceder oscilarán entre os 1.000 e os 60.000 euros. Arrendamento de vehículos, gastos de transporte, seguros, arbitraxes ou cotas federativas con algúns dos gastos subvencionables dentro deste programa.
O prazo de solicitude está aberto dende mañá martes, 28 de agosto, e remata o vindeiro 20 de setembro ás 14.00 horas. Todas as solicitudes deben tramitrase por vía telemática a través da plataforma Subtel da Deputación (http://sede.dacoruna.gal).
Nos vindeiros días publicarase unha convocatoria similar, dotada cun orzamento de 550.000 euros, para clubs coruñeses federados que participen en competicións de nivel nacional e internacional. Neste caso, as axudas poden chegar ata os 75.000 euros.
Ademais destes 1,2 millóns de euros que a Deputación da Coruña destina a apoiar a clubs e deportistas federados que participen en competicións de todos os niveis; a área de Deportes da institución provincial coruñesa xa convocou este ano outras tres liñas de subvención, por importe de 1,1 millóns de euros, para o fomento de actividades , a construción e rehabilitación de infraestruturas e a organización de grandes eventos deportivos.