A Xunta crea o Premio Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego


O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que o seu departamento vai crear o Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego, un galardón co que a Xunta de Galicia pretende fomentar a mellora do coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia desde a vertente do patrimonio cultural, ao tempo que se promove a investigación e a produción ensaística sobre esta materia en lingua galega. Así mesmo, este recoñecemento servirá para homenaxear a figura do ilustre intelectual ourensán, polígrafo, intérprete e investigador da xeografía, o territorio, a paisaxe e a cultura do país.
Román Rodríguez comunicou a creación do premio precisamente durante unha visita ao pazo familiar de Otero Pedrayo, o de Trasalba, auténtica catedral do galeguismo histórico de Galicia, onde se reuniu esta mañá co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.