A Xunta estima que a Comunidade Autónoma de Galicia perderá o vindeiro ano uns 200 millóns de euros de ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico

A Consellería de Facenda informou de que a actual situación de inestabilidade política no ámbito estatal impide ao Goberno galego aprobar en tempo e forma o teito de gasto de Galicia para o exercicio 2019, que de xeito habitual vense aprobando nos últimos días de xullo para a súa remisión ao Parlamento.

Na última reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) celebrada o pasado martes, o Ministerio de Facenda retirou da orde do día a aprobación do límite de déficit individual de cada comunidade autónoma por non ter validada previamente en Cortes a senda de estabilidade orzamentaria. A consecuencia disto Galicia non pode aprobar polo momento o seu teito de gasto, tal como establece a lexislación galega.