Agader destina 400.000 euros á primeira convocatoria de axudas a proxectos de cooperación de grupos de desenvolvemento rural

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) destinará 400.000 euros á primeira convocatoria de axudas para fomentar a realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (GDR).

Así o anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, antes de presidir a xuntanza do consello de dirección desta axencia na que se aprobou esta iniciativa.
Segundo explicou a conselleira, trátase de que os GDR galegos poidan “abrirse ao mundo” e sumar sinerxias con grupos do resto de España, da Unión Europea e mesmo de terceiros países, para impulsar proxectos e estratexias en común.