Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia márcanse outubro como data para presentar a delimitación do trazado e a recompilación de documentación histórica

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia acordaron marcar o mes de outubro como data para presentar os traballos de delimitación do trazado e a recompilación de toda a documentación histórica sobre esta ruta Xacobea.

Unha presentación que se realizará tanto diante da Dirección Xeral de Patrimonio como da sociedade en xeral.
A alcaldesa de Lousame e coordinadora da iniciativa, Teresa Villaverde, explicou que xa se contrataron os traballos de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. Uns estudos cuxo coste será asumido pola Asociación Rural de Desenvolvemento Ría Muros-Noia e que poderían estar listos no prazo dun mes.