Feijóo louva o esforzo compartido dos municipios para facilitar investimentos e destaca que nos vindeiros meses 1 de cada 3 será concello emprendedor

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe o esforzo compartido dos municipios para facilitar investimentos e xerar emprego e destacou que nos vindeiros meses 1 de cada 3 será Concello Emprendedor.

Durante o acto de entrega de acreditacións Concello Emprendedor aos primeiros 47 municipios sumados a esta iniciativa, entre os cales xa se atopa o concello de Boiro, Feijóo salientou que ter esta distinción significa compartir coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica; e ser unha Administración consciente de que os trámites administrativos teñen que ser un garante e non unha encrucillada que retarde ou disuada o labor das empresas.