O DOG publica hoxe a aprobación definitiva do proxecto para a mellora da seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, para a mellora da seguridade viaria da estrada AC-550 (Cee-Ribeira), na intersección co acceso ao peirao de Portosín e a Avenida da Deputación, no concello de Porto do Son.

A actuación conta cun orzamento de arredor de 500.000 euros, e onte mesmo o Consello da Xunta autorizou a utilidade pública das obras, que serán licitada nas vindeiras semanas.

O proxecto ten por obxecto a mellora da seguridade viaria da intersección na que conflúen a estrada autonómica da AC-550 (Pq 80+400), o acceso ao peirao de Portosín (denominado Travesía da Igrexa) e a Avenida da Deputación (antigo trazado da AC-550, pertencente ao Concello de Porto do Son).