A acuicultura de Galicia acada os mellores resultados económicos desde 2009 cunha facturación superior aos 207 millóns de euros

O valor económico da acuicultura de Galicia superou no 2017 os 207,6 millóns de euros de facturación cun volume de produción de preto de 279.000 toneladas de peixes e mariscos. Estes son os mellores resultados rexistrados desde o 2009, cun incremento dun 20% en facturación e de máis dun 15% en volume de produción.

Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta mañá en Muros, durante a visita realizada á empresa de cultivo de orella de mar Galician Marine Aquaculture, onde estivo con membros da comisión de pesca do Senado. Alí, a conselleira enxalzou a actividade da planta que ten unha clara vocación internacional xa que dirixe case o total da súa produción a mercados internacionais como China, Xapón, Taiwán, Francia e Estados Unidos. Nesta liña, a titular de Mar destacou o afán innovador da empresa e á súa aposta pola especialización, ao ser a única que cultiva este molusco “de alta gama” en Galicia. Neste contexto, sinalou que o ano pasado a orella de mar multiplicou por 10 as súas cifras de facturación en relación ao ano 2016.