Medio Rural facilita máis material de loita contra a vespa velutina a outros 5 concellos da provincia da Coruña

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo entrega de 5 pértegas para a loita contra a vespa velutina aos concellos de Malpica, Laxe, Mazaricos, Carnota e Fisterra, reforzando así os traballos de control deste insecto na provincia da Coruña.
Desta forma xa son 37 as pértegas entregadas no que vai de ano, dun total de 41, a concellos que non contaban con este material e que no pasado ano tiveron un número elevado de avisos de vespa velutina. Esta acción enmárcase no plan de vixilancia e control deste insecto que elaborou a Consellería do Medio Rural e no que tamén colaboran máis dun centenar de concellos, os grupos de emerxencia supramunicipais e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Ademais da entrega deste material, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está distribuíndo un total de 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturas as raíñas que saen da hibernación e impedir a formación de novos niños. Estas trampas complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas aos apicultores nos anos 2015 e 2016. Delas, 2.182 están sendo distribuídas entre apicultores da provincia da Coruña, 1.465 a través das asociacións apícolas e 717 por medio das Oficinas Agrarias Comarcais.
Ademais, a todos os concellos colaboradores que se incorporen este ano ao plan se lles facilitarán equipos de protección individual, ben por parte da Axencia Galega de Emerxencias, ben por parte da Consellería do Medio Rural, estando previsto que a Axencia Galega de Emerxencias adquira tamén novas pértegas para completar a dotación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e de concellos colaboradores.
Ao longo do 2017 xestionáronse a través do operativo establecido un total de 7.013 avisos, retirándose ou inactivándose 3.185 niños. Deste total, 2.045 localizáronse na provincia da Coruña, 135 na de Lugo, 46 na de Ourense e 961 na de Pontevedra.

more recommended stories