Calvo avoga por traballar duro, convencido de repetir nas eleccións municipais os bos resultados das autonómicas

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, lanzou unha mensaxe de “unidade” e de “traballo duro” ante os militantes e os afiliados dos municipios de Carnota, Muros, Outes y Lousame, convencido de que a súa formación pode repetir, nas municipais do 2019, os bos resultados acadados nestes concellos nas pasadas eleccións autonómicas.
Na cita, enmarcada dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais ao longo da provincia, e á que asistiron case un centenar de persoas, Calvo, acompañado do vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, insistiu en que “os números conseguidos en setembro reflicten que a xente quere votar ao Partido Popular, así que está nas nosas mans convencelos de que somos a mellor opción tamén para as municipais”.
Neste sentido, o popular mostrouse convencido de que a súa formación está preparada e pode gobernar nos catro municipios, un reto para o que subliñou que é imprescindible “baixar á rúa, percorrer os lugares que fagan falta, mirar á cara á xente, e demostrarlles que somos capaces de entendelos e de que estamos dispostos a traballar para solucionar os seus problemas”.
Calvo afirmou que só desta forma a súa formación poderá afrontar con “garantías” as municipais do 2019, nas que o presidente popular fixou como obxectivo recuperar o terreo perdido no 2015 e, de paso, volver gobernar na Deputación da Coruña e nas tres cidades da provincia.
Ademais o presidente popular fixo fincapé en que a súa formación ten que “saír a gañar as eleccións en todos os municipios da provincia”, un obxectivo para o que a dirección popular traballa coa mente posta en nomear aos 93 candidatos “con tempo suficiente para poder traballar, para que os coñezan e para facer bos equipos”.

Calvo incidiu na “importancia” de celebrar os congresos que “fagan falta e nos concellos onde fagan falta”, e apostou por abrir as portas do partido “a todos os que queiran achegar algo”, sen que iso derive na marcha dos que están a traballar agora. “Trátase de sumar e de facernos máis fortes”, dixo.

Por último, o titular provincial animou a toda a familiar popular a acudir este sábado a unha gran romaría provincial no Concello de O Pino. Unha iniciativa que, para Calvo, ten que servir para “fomentar a unión de toda a familia popular, e aproveitar o día para coñecernos un pouco mellor entre todos”.